A salvaxe costa deste municipio é testemuña dun paso migratorio espectacular, máis acusado no verán-outono, ao formar parte dun embude polo que circulan máis dun milleiro de aves mariñas, procedentes na súa maioría do norte de Europa e Siberia occidental. É tal a importancia deste corredor, que supuxo o seu recoñecemento como “Área Importante para a Conservación das Aves”, o que identifica a estas augas como lugares de importancia internacional para a conservación das aves a escala mundial e europea.
Para as aves terrestres, existe tamén unha ruta migratoria secundaria paralela ao litoral, que converte a esta zona nunha parada oportuna para atopar refuxio e alimento cando as condicións climáticas son adversas.
Ao comentado hai que engadir o amplo abanico de hábitats presente: mar aberto, cantís, rías, praias, sistemas de dunas, ríos, matogueiras, pasteiros, cultivos, penedías, etc. que fan posible unha elevada diversidade de aves, próxima ás 300 especies, nun territorio de apenas 120km2 .
Se isto fose pouco, cabe así mesmo sinalar o interese que ten este concello para os ornitólogos máis expertos no seu afán por descubrir rarezas. A situación xeográfica no extremo occidental da Europa continental, ten moito que ver coa aparición eventual de aves procedentes de América do Norte, que recalan nestas costas sobre todo durante o outono, cando perden a súa ruta e son arrastradas polos ventos dominantes cara ó lado oposto do Atlántico.