Historia
Muxía é unha vila mariñeira por excelencia; a maioría das súas casas están construídas enriba do tómbolo de area que se formou entre a península que acada o seu punto máis alto no Monte Corpiño (67 m.), verdadeira mole granítica situada ao norte da vila, e o Monte Enfesto na parte sur.
As primeiras casas estaban situadas na zona da ribeira ao abeiro do Monte Corpiño, onde estaba a antiga praia hoxe desaparecida pola construción do malecón e o porto. A praza do Cabo da Vila, como ben indica o seu nome, formaba o extremo sur do núcleo urbano.
A zona da Camposa, na actualidade totalmente urbanizada, era a zona máis chaira onde se situaban as poucas terras de cultivo que dispoñían os seus habitantes. Resulta difícil, pola falla de documentación e vestixios históricos, saber como e cando se fundou a vila de Muxía. A súa orixe está de seguro vencellada a estes tres factores: o mosteiro de San Xiao de Moraime, que exerceu unha gran influencia durante toda a Idade Media sobre as terras do seu arredor; o santuario da Virxe da Barca – a súa historia vai parella á historia de Muxía -, e por último o Conde de Altamira, de quen un dos seus homes máis achegados, o Capitán Fernán Álvarez de Carantoña, posuía un pazo na vila situado no lugar da Pena do Pazo. Non obstante podemos citar algúns exemplos de referencias históricas:
- Portulano do xenovés Pedro Vesconte, publicado no ano 1313.
- Muxía recibe o estatuto de vila cara o ano 1345.
- Historia Compostelana (Tomo VII): López Ferreiro fai referencia á arribada de galeras venecianas ao porto de Muxía a finais do século XIV.
- Memorias do arcebispado de Santiago, escritas polo Cardeal Xerónimo del Hoyo no ano 1607.
- Obra Historia de La Coruña de X.R. Barreiro Fernández: a vila de Muxía é invadida por unha escadra francesa no ano 1552.
- Obra Geografía del Reino de Galicia de Carré Aldao: Muxía e todo o seu territorio sufreu grandes danos durante a invasión das tropas napoleónicas a Galicia no ano 1809.
A principios do século XIX sobresaía xa a importancia pesqueira de Muxía, destacando sobre todo as capturas de sardiña e congro; a mediados do século, a vila xa cumpría a función comercial e de servizos con respecto ao resto do concello, comezando a sobresaír tamén de maneira importante a arte do encaixe.
A principios do século XX Muxía era unha vila mariñeira que contaba con algo máis de mil habitantes. A praia era o lugar de atraque das pequenas embarcacións que se movían a remo ou a vela, mentres que a Praza da Constitución era o centro da vila onde se celebraba o mercado.
A primeira vía de comunicación coa que contou Muxía foi a estrada Muxía-Berdoias, que lle permitía comunicarse coa capital da provincia a través dos primeiros transportes de motor aparecidos nos anos vinte. E tamén a finais desta década cando chega á vila a luz eléctrica.
Os anos da Guerra Civil e da Posguerra foron difíciles tanto para o progreso cultural como para o económico, sendo a partires dos anos 50 cando comeza a desaparecer esta miseria debido á cotización do peixe. A verdadeira explosión económica da vila producíuse co descubrimento do caladoiro Canto, facendo cambiar o aspecto da vila por completo principalmente durante a década dos 70 (renovación completa da flota pesqueira, construción de novas casas con materiais de ladrillo e cemento, etc.), aínda que hoxe en día a importancia do sector non é tan alta debido á redución do número de capturas e de especies. Na actualidade Muxía é unha vila mariñeira que actúa de centro comercial e de servizos de todo o seu termo municipal dándolle un certo dinamismo, convertíndoa nun centro de atracción para os habitantes do medio rural de todo o concello.