Acerca de Muxía
O municipio de Muxía está situado na parte noroccidental da provincia da Coruña. Está integrado na comarca de Fisterra e no epicentro do xeodestino da Costa da Morte. Ten unha extensión de 121 km2.
Poboación: Ao redor de 5.000 veciños distribúense en 14 parroquias.
Fronteiras: Ao norte, a ría de Muxía-Camariñas; ao sur o río Castro; ao leste os municipios de Dumbría e Vimianzo e ao oeste o Océano Atlántico.
Morfoloxía: Muxía é sobre todo un concello costeiro, onde o litoral forma a súa unidade morfolóxica máis importante. A súa costa é variada e esténdese desde onde finaliza o estuario do río Grande de Ponte do Porto ata a embocadura do río Castro no extremo sur da praia de Lires.
As terras baixas do concello sitúanse na parte norte que dá á ría de Muxía-Camariñas, onde se suceden varios derrames litorais percorridos por regatos, e en parte no sur por onde pasa o río Castro. No centro do concello hai unha zona cunha altitude que oscila entre os 100 e os 300 metros. Son destacables a presenza de cantís costeiros e de complexos dunares de gran singularidade como poden ser os da praia de Nemiña. A máxima altitude está no monte Facho (309 metros), próximo á costa. En canto aos ríos e zonas húmidas, suman case 108 quilómetros de lonxitude.
A paisaxe da Muxía interior está dominada polos usos agrarios e pastorais e pola localización dispersa dos núcleos de poboación. O litoral ofrece algunhas das mostras paisaxísticas de maior calidade do litoral atlántico ibérico.
Clima: É oceánico, con temperaturas suaves, frecuentes precipitacións (entre os 1.600 e os 1.800 mm anuais), escasa oscilación térmica (non supera os 10 graos de temperatura entre xaneiro e agosto, sendo a media entre os 13 e 14) e elevada humidade.