Muxía é todo mar
A vila de Muxía nace da autorización dos monxes do mosteiro de Moraime (s. XI), pero pouco a pouco vai collendo autonomía e vida propia aproveitando ao máximo o recurso máis próximo: o mar.
As primeiras casas deste pobo mariñeiro instaláronse ao abrigo do monte Corpiño e cerca da praia das Lanchas para protexerse dos ventos, sobre todo do nordés que pasa impasible por esta península.
Moraime, o mosteiro do mar
O recinto no que se atopa a igrexa de Moraime, como nos conta o antropólogo Manuel Vilar, estivo habitado dende a Idade de Bronce, época da que se conserva unha mámoa. A primeira etapa de esplendor chega durante o asentamento romano, o que puido ser unha vila. A súa óptima situación ao lado do mar, pero protexida del, e non moi visible desde a costa para evitar os ataques inimigos, favoreceu o desenvolvemento dun centro comercial importante debido tamén a unhas boas comunicacións marítimas.
Tras o paso dun pobo xermánico, unha congregación bieita exerceu o poder xurisdiccional desde Moraime entre os séculos XI e XIII e sobre a Terra de Nemancos (que abrangue desde Fisterra a Vimianzo). Ademais de autorizar a ocupación da que sería a vila de Muxía, “os monxes deciden crear o santuario da Barca e a lenda para darlle prestixio ao territorio que eles estaban controlando”, asegura Vilar Álvarez que tamén é autor do estudo “Moraime. O tesouro escondido da Costa da Morte”.