Cabo Touriñán

Touriñán mira ao mar. Dúas veces ao ano, a principios da primaveira e finais do verán, o cabo Touriñán convértese na última liña de sombra do ocaso na Europa continental.

A posición natural desta punta de terra que se introduce impasible un quilómetro no océano Atlántico convérteo no lugar por onde desaparece o último raio de sol da Europa continental. Son uns dous meses e medio ao ano para gozar dunha simbólica posta de sol neste salvaxe tramo da Costa da Morte. Este é un lugar solitario. De aí tamén a súa beleza.

Dende o equinoccio de primavera, entre o 21 de marzo e o 25 de abril, e despois, do 13 de agosto ata o 22 de setembro, este lugar convértese nun excelente balcón para presenciar o finis solis. Non hai que facer nada especial para aproveitar o momento, só vir ata aquí na hora convida.

A situación de cabo Touriñán, a 9 graos, 17 minutos e 53 segundos de lonxitude oeste, outórgalle este privilexio natural. Cabo Touriñán toma o relevo do cabo da Roca, en Portugal, e logo, cédello ao cabo Vardetangen, en Noruega, tal e como explica o catedrático de Física Aplicada (USC) Jorge Mira Pérez, autor do estudo Análise de liñas de ocaso no occidente de Europa. Ademais, está considerado o punto máis extremo ao oeste da España peninsular.

O traxecto dende a vila de Muxía ata o cabo Touriñán dista uns 17 quilómetros a carón da costa. Facer o camiño a pé é unha excelente oportunidade para coñecer de primeira man este litoral abrupto e áspero, de vexetación mol e sufrida contra os feros ventos do Atlántico.

Localización

Enderezo

Touriñán, s/n. Muxía, A Coruña