Encontro co mar e limpeza dos coídos de Touriñán

23 de abril. Despois de tres adiamentos, onte sábado 23, era o día que, por fin, dacordo coa ciencia meteorolóxica, non tiña que ter chovido pola mañán, á hora fixada para a tarefa tanto esperada. Sin embargo, conducindo cara ao punto de encontro no faro, o ceo era todo un pano mesto de nubes negras enchoupadas de auga. Chovía arreo. Parecía o fin da terra, o fin do mundo. Daban ganas de cambialo rumbo 180 graos e ir de volta para casa.
O milagre produciuse ao chegarnos ao faro ás 1100 horas, á hora convida, e asomarnos ao balcón do océano.
Parou de chover e de vagar, nunha calma expectante, dende a liña do horizonte foise levantando o pano de nubes negras e un ceo azul e protector foi abrindo os seus brazos sobre toda a liña de costa, co Vilán ao lonxe. O sol brillaba no alto. Xa estaba todo claro. Era a hora de poñer mans á obra para lle curar a ferida do costado ao Cabo de Touriñán.
Un voluntarioso grupo de 18 adultos e dous nenos pequenos, durante 2 horas recolleron o lixo plástico espallado por toda a enseada, pola boleira, polo monte arriba entre as queirogas e os toxos, pola xunqueira…
Xuntamos 32 sacos grandes cheos de plásticos máis unha morea a granel: estachas, bidóns, caixas rotas, redes desfeitas, nasas de pulpo, anacos grandes de boias, plásticos e plásticos de toda caste.
Cinco dos participantes, no seu regreso a casa, fixeron un alto no coído de Moreira, cara aos ventos do norte, e xuntaron unha chea máis de lixo cargando un big-bag que atoparon enriba dos bolos.
O todo terreo do concello de Muxía co seu remolque e a súa xente participativa, fixeron escala nos dous coídos e levaron todo o lixo para a súa clasificación no punto limpo.
Foi unha xornada boa, espléndida, coa sensación gratificante e compartida de terlle botado unha man ao mar, á nosa paisaxe, á nosa natureza.

Links de interese

Asociación Mar de Fábula

Noticia na prensa