Santuario de San Xiao de Moraime

A igrexa de San Xiao de Moraime é un edificio románico do século XII, de planta basilical con tres naves e tres ábsides.

As columnas que separan as naves son de forma cadrada exceptuando a última entre a nave central e a lateral norte que ten forma circular. Adosadas a cada pilar hai catro semicolumnas circulares que treman dos arcos formeiros de medio punto que separan as naves e os faxóns ou transversais sobre os que descansa o teito de madeira.

A nave central, máis ancha que as laterais, está dividida en cinco tramos con arcos de medio punto, a diferencia das naves laterais que os teñen apuntados.

O muro norte está dividido en cinco tramos separados por catro columnas que descansan sobre un bancal que percorre todo este muro. Entre este tramo atópanse, alternando, unhas fermosas ventás cegas, cuns vans que se abren ao exterior en talude.

A nave lateral sur presenta as mesmas características que a norte, aínda que con certas diferencias motivadas por estar adosada a ela o antigo mosteiro, que comunicaba coa igrexa por unha porta de grande valor arquitectónico, que ata hai pouco estivo pechada.

Ademáis, a decoración da igrexa está representada polos capiteis adornados con motivos vexetais e por unhas pinturas descubertas no ano 1970, debaixo da capa de cal que cubría as paredes interiores. Estas pinturas, divididas en oito lenzos, representan os sete pecados capitais e a morte, á que lle disparan as súas frechas. Sobre a datación das pinturas hai diversas opinións: mentres que para uns son da época medieval, para outros a súa antigüedade non vai máis alá do século XVII. Debido á humidade estas pinturas están en moi mal estado de conservación.

A fachada principal está dividida en tres corpos, separados por dous contrafortes que se corresponden co arranque das naves. O corpo central de grande anchura é de onde sobrepasa o pórtico que da acceso ao interior da igrexa.

Nos corpos laterais ábrense cadansúa ventá semicircular de fermosa construcción, habendo enriba de cada unha un rosetón. Cada ángulo lateral da fachada remata nun campanario: o do lado norte conserva a súa forma orixinaria; o do lado sur está modificado.

O pórtico da fachada principal que da acceso á igrexa presenta unha forma abocinada por tres pares de columnas acodilladas con figuras, que segundo algúns autores representan aos Apóstolos, sobre as que descansan outras tantas arquivoltas con figuras en forma radial que recordan ao Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. No tímpano vense figuras bíblicas a ámbolos lados do Salvador.

O muro lateral norte está composto de cinco contrafortes unidos en arco. O muro da parte sur está dividido por tres pilares e dous grandes contrafortes, recorrido por un alero a mediana altura que nos indica que a este muro estivo adosado o antigo mosteiro. É neste muro onde se atopa a porta descuberta no ano 1975, adornada con catro columnas decoradas con motivos xeométricos e flores de lis nos seus fustes e rematadas en fermosos capiteis. Tres arcos a modo de arquivoltas, adornados con diversos motivos, completan o trazado arquitectónico desta fermosa porta.

Localización

Enderezo

Moraime, 2. Muxía, A Coruña