O Concello de Muxía abre o prazo de inscrición para participar no XVIII Mercado das Rutas do Mar, unha das citas máis destacadas do verán no municipio, que volverá converter as rúas de Muxía nun espazo de encontro arredor da tradición mariñeira, a artesanía, a gastronomía e a cultura.
As persoas interesadas en instalar un posto no mercado poderán presentar a súa solicitude do 6 ao 24 de xullo, ambos incluídos, de forma presencial nas dependencias municipais ou a través da Sede Electrónica do Concello de Muxía, cubrindo a instancia dispoñible nesta mesma páxina.
Unha vez rematado o prazo de inscrición, celebrarase unha reunión organizativa cos postos participantes o día 27 de xullo ás 19:00 horas, no Salón de Plenos do Concello, na que se facilitará toda a información necesaria para o correcto desenvolvemento do mercado.
O Mercado das Rutas do Mar ofrecerá durante toda a fin de semana unha ampla programación para todos os públicos, con postos de artesanía e gastronomía, animación musical, contacontos e numerosas actividades que poñerán en valor a tradición mariñeira de Muxía.
Ademais, o domingo celebrarase a tradicional degustación de peixe, que nesta edición contará cunha sorpresa especial, e como broche final ás XVIII Rutas do Mar, o público poderá gozar do concerto de Luar na Lubre.
Documentación
Modelo de solicitude en formato PDF

