Ruta da vila
A Cruz – Rutinas do porto
Muxía aséntase nunha península. A súa situación permítelle ao visitante rodear o núcleo urbano nun traxecto circular que comeza no miradoiro da Cruz, ao lado da praia do mesmo nome. Nesta primeira etapa, o camiñante chegará ata o porto, pasando no camiño polo monumento ao muxián Gonzalo López Abente, o poeta do mar. Alí pódese ver o trafego dos mariñeiros que marchan ou voltan a terra despois da pesca.
López Abente, o poeta do mar
Pasas polo Concello, pola rúa da Marina e pola rúa Real ata chegar á praza da Constitución, centro do antigo núcleo urbano. Aquí celebrábanse antes o mercado e as festas patronais, agora trasladadas á explanada do porto.
As pequenas casas dunha altura son a vivenda tradicional muxiana e as antigas casas de fidalgos recoñécense polos escudos das súas fachadas. No lado contrario, está o porto.
Encamíñate agora pola rúa Virxe da Barca cara o santuario.
O secadoiro de congro dos Cascóns
Xusto aos pés da igrexa parroquial de Santa María tes unha vista da ría de Muxía-Camariñas.
Do outro lado da costa, está a vila de Camariñas, a capela da Virxe do Monte e o cabo Vilán. Á esquerda vese a desembocadura do río Grande e as praias muxianas.
Os secadoiros de congro de Muxía son os únicos en funcionamento de toda España. O seu método de produción é artesanal.
Sigue este paseo pola beira da ría ata o santuario da Virxe da Barca.
O mirador do Corpiño
Ao chegar ves o santuario dun lado e a casa reitoral do outro. Se rodeas o recinto do santuario por detrás da casa reitoral verás o pequeno faro da punta da Barca. Para desfrutar dunha boa panorámica sube ao miradoiro do Corpiño.
Para volver á vila, pasa por diante da escultura A Ferida, recordo da catástrofe do Prestige, e sigue en dirección á parte occidental de Muxía pola Atalaia. Detente á altura dunha fonte a man esquerda antes das primeiras casas.
O camiño da Pel
Na fonte da Pel aseábanse os peregrinos e romeiros antes de entrar no santuario.
Para ir á fonte, busca un gran penedo de forma circular e partido, baixa polo carreiro cara el e despois vira á dereita. Chegarás ao teu destino despois de baixar unhas escaleiras de pedra ou por unha das entradas laterais.
Vese o campanario do santuario da Barca e a escultura A Ferida. E do outro lado do mar, o monte Facho, o Cachelmo e a punta da Buitra. Mesmo se divisa o faro Vilán.
Encamíñate cara aos secadoiros da Pedriña.
Secadoiro de congro da Pedriña
Se chegas cos congrios a secar eres afortunado pois podes ver a derradeira etapa dun proceso artesanal. O congro límpase, lávase con auga de mar, e córtase á metade en sentido lonxitudinal. O último paso, antes de colgalo nas cabrias –estruturas de madeira- é facerlle os furados en toda a peza en sentido horizontal á espiña dorsal.
Mira cara á fronte e diríxete á praia de bolos que ves na distancia. Alí está a praza do Coído, a última parada desta ruta.
O coído, zona cero
No Coído sitúase a Zona Cero do desastre do petroleiro Prestige. Nesta praza podes ver unha escultura e unha exposición de fotografías, dentro do edificio de usos múltiples, que homenaxean ás miles de persoas que colaboraron nas tarefas de limpeza da costa.
Preto de aquí, na rúa Matadero, atópase a casa natal de Ramón Caamaño, fotógrafo muxián, que inmortalizou coa súa cámara a vida da Costa da Morte. Vai en dirección ao porto e voltarás ao punto de partida da ruta e ao miradoiro da Cruz.
- Ruta na vila a pé.
- Traxecto:
- A Cruz.
- Rutinas do porto.
- López Abente, o poeta do mar.
- Secadoiro de congro dos Cascóns.
- A Barca e o miradoiro do Corpiño.
- Camiño da Pel.
- Secadoiro do congro da Pedriña.
- O Coído, zona cero.
- Lonxitude:
- 3 quilómetros.
- Dificultade:
- Baixa.
- Duración:
- 1 hora.
- Punto de inicio: Miradoiro da Cruz.
- Punto final: Praza do Coído.