A praia de Area Maior / Os Muíños é a máis extensa das seis que hai na enseada de Merexo. Aquí desemboca o río Negro que baixa dende a aldea dos Muíños, onde se atopa unha área recreativa. Ao carón do areal formouse un pequeno complexo dunar no que medran varios tipos de plantas como a corregola de praia (Calystegia soldanella), cardo de ribeira (Eryngium maritium), tártago mariño (Euphoria paralias) ou feo de praia (Ammophila arenaria), entre outras. As aves limícolas tamén son habituais.
Preto de aquí, na parte máis elevada do lugar de Chorente, atópase a capela de San Roque. Nela, antigamente, practicábase o rito de cambio de tella. Consistía en cambiar a posición dunha tella para o lugar no que se desexaba que virara o vento e que os mariñeiros puidesen chegar a porto coa súa embarcación.
A continuación deste areal están as praias de Vilaverde (nos mapas aparece como Os Loureiros) e a de Borreiros. A de Vilaverde colle o seu nome da cidade asolagada que, din, hai fronte a ela, e sobre a que tantas lendas se escribiron e escoitan. As lendas contan que tamén había un túnel que comunicaba esta praia co mosteiro de Moraime, que buscaba aquí a súa saída secreta ao mar.
Localización
Enderezo
Praia de Area Maior / Os Muiños, Os Muiños. Muxía, A Coruña