LIBERDADE DE SER E SENTIR!

O Concello de Muxía, con motivo da conmemoración do 28 de xuño “Día da diversidade sexual”, adhirese á campaña de sensibilización posta en marcha pola Deputación da Coruña: LIBERDADE DE SER E SENTIR!”

Desde o Concello de Muxía apoiamos a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero, e pretendemos transmitir unha mensaxe de tolerancia e respecto.

As actividades que se levarán a cabo dentro da campaña, serán en formato dixital, por mor da situación provocada polo COVID- 19, as que se poden acceder a través da plataforma seresentir.gal. Dentro da programación poderán gozar da actividade Planeta LGTB, da man de Felipe Díaz (Caxoto), na que a través de contacontos reflexionarase sobre a riqueza da diversidade e sobre o colectivo LGTB, mentres que para a adolescencia , en colaboración con Illa Bufarda, incorporouse a webserie S.E.X., un proxecto de educación sexual. Así mesmo, na programación tamén se inclúe o concurso Balcóns da Diversidade, co que se convida a todas aquelas persoas interesadas en participar a que envíen fotografías dos seus balcóns decorados coas bandeiras do arco da vella.

A toda esta programación hai que engadir unha serie de palestras centradas na diversidade sexual, para falar dos dereitos, das barreiras e das liberdades. En concreto serán catro as charlas que se emitirán dentro do programa, e xirarán arredor da diversidade sexual no deporte, na infancia, na adolescencia e no tratamento informativo e da literatura.

Participarán as seguintes persoas:

  • Visilibilidade LGTBQI+ no deporte, coa participación da Karateka Cristy Tojo e a xornalista Bárbara G. Vilariño.

  • Diversidade sexual na infancia e na adolescencia, coa participación de Inés del Río (pediatra e forma parte do comité de bioética da Asociación Española de Pediatría), Noemí Díaz (Rede de apoio LGTBQI+ nas escolas galegas) e Enrique Latorre, filósofo e investigador da USC.

  • Tratamento informativo do colectivo LGTBQI+ nos medios de comunicación, coa participación de Ángela Fernández (Colexio de Xornalistas de Galicia), Daniela Fernández (coordinadora do blog Corpos Incómodos) e a xornalista Bárbara G. Vilariño.

  • Literatura e diversidade sexual con María Reimóndez (tradutora, intérprete e escritora), Lucía Aldao (poeta e artista galega) e Martín Añel (do Club de Lectura LGTB Queeruña)

É moi importante a participación activa de toda a veciñanza, para que esta acción de sensibilización sobre a diversidade sexual axude a xerar unha sociedade máis tolerante e igualitaria.Diversidade Sexual.

CONCELLO DE MUXIA