GALERÍA DE MULLERES
Angela Davis
( Birmingham, Alabama, 1944) Política marxista, activista afroamericana e profesora de filosofía da Universidade de California,nos Estados Unidos. Relacionada cos Panteras Negras e o Partido Comunista. Angela Davis é todo un icono pola súa actitude rebelde ante a vida, a defensa da liberdade e un feminismo antirracista e anticapitalista.
O lugar onde vivía Angela coa súa familia era chamado Dynamite Hill polo gran número de casas de afroamericanos dinamitadas polo Ku Klux Klan. Asistiu a escolas segregadas en Birmingham e ós 14 anos presentóuselle a oportunidade de trasladarse a Nova York e alí introducirse no estudo do socialismo. Fixo tamén estudos de francés que a poñen en contacto cos existencialistas, acudindo á Sorbona.
Logo de graduarse na Universidade pasou dous anos en Alemaña, e asistiu a clases de Adorno e outros importantes pensadores socialistas da Escola de Frankfurt. Mentres, os acontecementos estábanse precipitando en Estados Unidos, co movemento de dereitos civís, o xurdimento das Panteras Negras, e as protestas contra a Guerra de Vietnam, así que regresou ao seu país, onde nese momento traballaba Herbert Marcuse, quen lle influiu moito, especialmente a súa idea de que era un deber do individuo rebelarse en contra do sistema.
Traballou a finais dos 60 como profesora de filosofía na Universidade de California, pero rescindiron o seu contrato pola súa militancia comunista. Isto levantou grandes protestas na comunidade universitaria.
Participou na campaña para mellorar as condicións nos cárceres. Interesouse especialmente no caso de dous afroamericanos asasinados por un dos carcereiros. Os conflictos a que deron lugar estas mortes remataron de forma sanguenta e aínda que Angela non estivo no lugar dos feitos, a policía dixo que as armas usadas estaban rexistradas ao seu nome, polo que se convertiu para o FBI nunha das “criminais máis buscadas”. O encarceramento de Angela Davis dou lugar a unha movilización histórica,a campaña “FREE ANGELA” foi un dos episodios máis importantes dos movementos de protesta do XX. O xuízo celebrouse pouco despois cun veredicto de inocencia, sendo absolta de todos os cargos. Estivera 16 meses no cárcere. Aínda que Reagan pretendía que nunca volvese dar clases, a movilización e a presión popular forzaron o cambio de actitude e permitiron a Angela Davis retornar á Universidade de California e seguir dando clases con normalidade. Recibiu os Premios Lenin da Paz e Premio polos Dereitos Humanos e foi nomeada profesora honoraria na Universidade de Moscú. Foi candidata á vicepresidencia de Estados Unidos polo Partido Comunista.
Hoxe en día Angela Davis continua o seu labor a favor dos colectivos discriminados e dos pobres do mundo, tamén no movemento pacifista en contra da guerra de Iraq, da ocupación de territorios palestinos e da política imperalista do seu país e dos crimes da globalización. Ten publicada numerosa obra.