GALERÍA DE MULLERES

Mercedes Queixas  Zas

(A Coruña, 1968)  Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade da Coruña, exerce como profesora de lingua e literatura galega no ensino secundario (CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco – A Coruña). En 2018 foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega.

Mercedes destaca polo seu labor docente e o seu compromiso coa cultura galega. Entre os anos 1995 e 2000 foi a Coordinadora da Editorial Laiovento. E desde 2005 é Secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Exerceu profesionalmente como Coordinadora Territorial de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da provincia da Coruña e é membro da sección de lingua, literatura e comunicación do Consello da Cultura Galega e do Instituto de Estudos Locais José Cornide. É autora -ademais doutros estudos- de ensaios de carácter divulgativo dirixidos ao público escolar. No ano 2011 publicou Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg Sanjurgo (Editorial Galaxia) e Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo (Edicións Laiovento).En 2013 coordinou o monográfico dedicado a Rosalía de Castro intitulado “Aprendemos con Rosalía”, que constitúe o número 57 da Revista Galega de Educación e, recentemente, coordinou o monográfico Renacer á descuberta das palabras (Sermos Galiza), dedicado ao estudo e divulgación de Mª Victoria Moreno.

En 2016 deu ao prelo o ensaio Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María (Editorial Galaxia) e mais De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal. Breve historia da literatura galega (Edicións Xerais), e en 2018 publicou a primeira obra dirixida ao público infantil Xandra, a landra que quería voar (Editorial Urco), acompañada da ilustradora Paula Pereira Carreira.

Ten participado como relatora en diferentes foros de formación do profesorado, análise literaria e planificación lingüística, cuxas intervencións fican recollidas en volumes colectivos e actas, como “Silencio cultural e represión lingüística en Galiza durante o primeiro franquismo”; “Reflexións dunha lectora cursidosa ao prólogo aos Contos da Agra Aberta”; “Galician Fiction: A Genre with Gender?”; “A didáctica do galego desde os medios de comunicación”, “Ensino, educación e lingua galega hoxe”, “Estratexias para a planificación lingüística escolar” ou “Por unha canonización (que non beatificación) da obra de Lois Pereiro”.

NA BIBLIOTECA DE MUXÍA PODES ATOPAR, ENTRE OUTRAS, ESTAS OBRAS SÚAS:

Queixas Zas, Mercedes. Os trobadores do Reino de Galiza

Queixas Zas, Mercedes.Ramón Piñeiro. A expresión cultural dunha estratexia política.

Queixas Zas, Mercedes/Ponte, Pilar. Unidade didáctica. Eu son esta terra e esta auga.

Queixas Zas, Mercedes. Xandra: a landra que quería voar
CARTEL