GALERÍA DE MULLERES

Larraitz Urruzola

(Donostia, 1964) actriz/titiriteira e creadora de propostas escénicas para público infantil e/ou familiar.

Xa dende ben pequena xogou a transformar espazos, facendo do corredor da casa un océano inmenso, cabanas co mobiliario, cobertores ou sabas e mesmo sen nada, inventando construcións imaxinarias…Gozaba caracterizándose coas cousas máis estrañas que atopaba nos armarios da casa.

No 83 chega a Santiago a facer Farmacia, carreira que abandonou para retomar a súa afección polo teatro.

Na vida como estudante en Santiago, aprendeu o galego, apuntouse en diversos cursos de teatro e comezou a súa formación teatral, que foi fundamentalmente autodidacta, ata que no ano 89 iniciou un longo percorrido por varias compañías profesionais de teatro infantil e de monicreques.

Domina varias técnicas de manipulación de monicreques tanto para artes escénicas como para o formato audiovisual. Fixo proxectos de divulgación científica a través dos monicreques en colaboración co CSIC e o CETMAR. Imparte obradoiros de contido moi variado empregando o xogo dramático e os monicreques como recurso para contribuír á formación integral do individuo.

Actualmente é parte tamén da compañía de teatro e monicreques Babaluva, á vez que mantén entidade propia como contadora e titiriteira, con montaxes tan aclamadas como a recen estreada Dona Barriga Verde, A Viaxe de Rosalía ou O Crebanoces e unha colección de espectáculos de narración oral, baixo o paraugas dos Babacontos.

Larraitz é unha imprescindible na escena galega e certamente dalgún xeito fai felices a quen pode gozar das súas actuacións.

+ info: http://aaag.gal/catalogo/larraitz-urruzola

https://www.urdime.net/paxina-larraitz

https://urdime.gal/project/larraitz-urruzola/

CARTEL