Igrexa parroquial de Santa Leocadia de Frixe

A parroquia de Santa Leocadia de Frixe conserva unha interesante igrexa románica, construída, o mesmo que as de Nemiña e Morquintián, no século XII. Consta tamén dunha soa nave, con ábside cadrado, abovedado en pedra cun arco de entrada de medio punto, decorado ao longo de toda a súa arquivolta cun xaquelado, apoiado sobre dúas columnas adosadas que rematan en capiteis decorados con motivos vexetais.

A porta que dá acceso á igrexa está formada por un tímpano e varias arquivoltas apoiadas en catro columnas que tamén rematan en capiteis con adornos vexetais.

Na parte externa do ábside conserva varios canzorros algúns con temas vexetais e outros con figuras de animais. No testeiro conserva unha interesante ventá con dúas columnas acodilladas.

Localización

Enderezo

Frixe, s/n. Muxía, A Coruña