Ruta Muxía – Moraime – Area Maior
Miradoiro da Cruz
Desde o miradoiro da Cruz, hai que poñer rumbo a Moraime pola estrada comarcal cara o cruce de Berdoias. A pé, leva uns 50 minutos percorrer os pouco máis de catro quilómetros. Son dez quilómetros en coche.
Se a metade de camiño cara a Moraime, quérese gozar dunha vista de Muxía no alto da Carrúa, hai que coller un desvío á man dereita na estrada á altura dun transformador. Cóllese o camiño que vai cara o bosque, para chegar ata unha mámoa e ata a Pedra da Forca.
Moraime, mosteiro do Mar
Moraime, ben de interese cultural, foi fundado arredor do século X. A Moraime débese o nacemento de Muxía. Durante anos, a economía da vila e o tráfico comercial dependeron da decisión dos monxes.
No solar no que se asenta a igrexa está o único vestixio que queda do mosteiro. Nos seus arredores atopáronse restos da época romana e xermánica. Dando unha volta polo camposanto, pódense descubrir as escavacións dunha necrópole romano-cristiana.
A lenda conta que un túnel comunicaba o mosteiro coa praia de Valverde, moi próxima ao areal dos Muíños-Area Maior.
Hai que cruzar a estrada Muxía-Berdoias e ir cara a Area Maior pola aldea dos Muíños.
Praia de Area Maior / Os Muiños
Na praia de Area Maior-Os Muíños desemboca o río Negro. Na mesma aldea hai unha área recreativa, a Fonte da Tella, onde comeza o paseo fluvial.
Preto de aquí, no lugar de Chorente, está a capela de San Roque.
A volta ao núcleo urbano pode facerse por punta Espiñeirido, onde está o areal do mesmo nome, e de alí ata a praia da Cruz.
- Ruta circular a pé.
- Traxecto:
- Miradoiro da Cruz.
- Moraime, mosteiro do Mar.
- Praia de Area Maior – Os Muiños.
- Muxía
- Lonxitude:
- 11 quilómetros.
- Dificultade:
- Media.
- Duración:
- 3 horas.
- Punto de inicio e final: Miradoiro da Cruz.