Santuario da Virxe da Barca

A historia cultural desta vila vai ligada ao Santuario da Barca e as Pedras do seu entorno. É obxecto de culto máxico – relixioso ao longo dos séculos e de veneración para os miles de peregrinos que percorren o Camiño Xacobeo de Santiago a Muxía – Fisterra. A chegada ao Santuario convértese na esperada recompensa ao esforzo feito para alcanzar o fin do Camiño, o lugar onde a Virxe chegou nunha barca de pedra para infundir ánimos ao Apóstolo Santiago. A romaría da Barca está recoñecida como de Interse Turístico Nacional, recibindo miles de visitantes no mes de setembro de cada ano.

“Muxía non se entende sen a Barca”, cóntanos o historiador local Xan Fernández Carrera, autor de varios libros e guías sobre Muxía. Incluso marca o calendario anual. “Eu recordo fai 35 ou 40 anos que cando se preguntaba por cando se ía facer algo respondíase, “antes ou despois da Barca”.

Este lugar é espectacular. O propio recinto relixioso e o adro que se estende máis aló do murete, cara a onde están as pedras “máxicas”, con propiedades curativas e adivinatorias: a Pedra de Abalar, a Pedra dos Cadrís, a Pedra dos Namorados e a Pedra do Temón. Son os restos da embarcación na que, conta a lenda, chegou a Virxe por mar para alentar ao apóstolo Santiago no seu evanxeo.

O templo foi reconstruído varias veces, crese que catro, a última vez en 2015. No día de Nadal de 2013, o santuario sufriu un tráxico lume que deixou o retablo e o teito totalmente calcinados. Só quedaron en pé as paredes exteriores e elementos como bancos e confesionarios. Ademáis, puidéronse recuperar os retablos laterais.

Este grave accidente deixou moito pesar nos devotos, que amosaron, se cabe, máis devoción pola Virxe. De feito, o número de visitantes aumentou desde o tráxico suceso.

Muxía é tamén fin do Camiño Xacobeo a carón do Atlántico e aquí chegan cada vez máis peregrinos polo Camiño da Costa ou polo Camiño Real.

Desde aquí, un sendeiro empedrado conduce ao cumio do monte Corpiño (68 metros) dende o que se ten unha boa panorámica da vila e do solpor. As vistas son excelentes: a ría e cabo Vilán na punta, as praias de Leis e do Lago, o monte Facho –busca as antenas-, as puntas de Cachelmo e da Buitra.

Fonte da Pel e Sala do Perello

A Fonte da Pel é un fermoso e máxico lugar situado a carón do antigo camiño dos peregrinos chamado o Camiño da Pel. Está moi preto da punta da Barca. Neste manancial, os peregrinos e os enfermos bañábanse antes de entrar no santuario da Barca como medida para evitar contaxiar a lepra.

A Sala do Perello (un perello é un demo ou un trasno) son unhas pedras enormes que forman no seu interior un habitáculo que só se pode descubrir achegándose a el. Esta impoñente mole domina a visión neste tramo de costa. En torno a este lugar había unha lenda hoxe perdida que falaba de que aquí vivía un xastre.”

Localización

Enderezo

Rúa Virxe da Barca, s/n. Muxía, A Coruña