Igrexa parroquial de Santa María

Ao abeiro do Monte Corpiño e sobre unhas rochas, no extremo norte da vila de Muxía, sitúase a igrexa parroquial de Santa María de Muxía. Son poucos os datos que se teñen sobre a orixe deste fermoso templo. Sábese que no ano 1203 foi doada polo Papa Inocencio III, con todas as súas pertenzas, ao mosteiro cisterciense de Carracedo (O Bierzo).

Pertence esta igrexa, igual que moitas outras galegas, a un estilo románico de transición, formada por unha soa nave, con cuberta de madeira e dividida en tres treitos por dous arcos apuntados que se apoian en columnas adosadas aos muros laterais.

O ábside é de forma rectangular, chegando a el a través dun arco triunfal apuntado, apoiado, ao igual que os outros tres que treman da bóveda, sobre semicolumnas todas elas rematadas en capiteis adornados con distintos motivos.

A porta principal da igrexa é tamén de arco apuntado, cunha arquivolta adornada cun bocel e apoiada sobre dúas columnas que teñen por base dous capiteis de mármore. O tímpano é liso, apoiándose sobre ménsulas esculpidas, unha delas sendo a figura dun frade.

Tanto na parte sur coma no testeiro da igrexa aparecen contrafortes que axudan a reforzar os muros. Na parte sur ábrese unha porta de forma rectangular.

Adosada ao muro norte, á que se accede dende o interior da igrexa a través dunha porta oxival, atópase a interesante capela do Rosario de estilo gótico, construída a finais do século XIV, de forma rectangular, cuberta con bóveda de crucería na que os seus arcos diagonais apóianse en cada esquina sobre ménsulas rematadas en fermosos capiteis.

Localización

Enderezo

Rúa Virxe da Barca, s/n. Muxía, A Coruña