Deportes náuticos

Todo o litoral de Muxía é un espazo máis que axeitado para a práctica de numerosas actividades deportivas e de lecer relacionadas co mar.

Cada ano, son milleiros de afeccionados ao surf e ao body board, de toda Europa e tamén veciños da zona, os que converten a praia de Nemiña nun lugar de encontro internacional. A popularidade do areal é tal que incluso hai tendas de surf en Alemaña nas que o elemento principal da súa decoración é unha gran foto de Nemiña.

Os pescadores deportivos son os outros habituais sobre as rochas do litoral muxián. Con marea baixa, á tardiña e sobre todo nas fins de semana, é moi fácil velos lanzando as súas cañas onda a punta da Barca, no coído de Cuño, nos cantís de cabo Touriñán,…

En xeral, son moitos os deportes náuticos que se poden practicar no litoral e no mar de Muxía de forma individual ou como parte dun club federado e con vistas á competición. Todos son escenarios de gran beleza nos que poñer a proba a capacidade física e mental, pero tamén nos que atopar momentos de relaxación para o espírito.

Os amantes dos deportes náuticos tamén poden probar co submarinismo, o kayak de mar, o remo de mar, o buceo libre, a pesca submarina…