A biblioteca adica o mes de febreiro da Galería de Mulleres a pintora do Renacemento Sofonisba Anguissola

Muxía, 9 de febreiro. A biblioteca municipal de Muxía adica o mes de febreiro da Galería de Mulleres á italiana Sofonisba Anguissola, unha artista que pintou durante o Renacemento, unha época na que era prácticamente imposible que a sociedade deixara que unha muller destacara. As persoas que queiran saber máis sobre esta autora poden achegarse ata a Biblioteca da Muller e ler o libro de Patricia Mayayo, Historia de mujeres, historias del arte.

¿Quen foi Sofonisba Anguissola?

Naceu en Cremona en 1532 dentro dunha familia noble do norte de Italia, e tivo a sorte de recibir formación artística. Dende nena amosou unhas dotes para a pintura fora do común.

Aos 22 anos viaxa a Roma para respirar as últimas novidades artísticas e logo de coñecer a Miguel Anxo que lle transmite coñecementos e ter encargos ata do papa Xulio III, regresa a Cremona e inicia a súa carreira profesional como mestra de éxito.

Viaxa constantemente e ten moitos encargos de grandes damas e cabaleiros nobles e aínda que -debido a súa posición social- non pode cobrar recibe valiososo agasallos polo seu traballo. Aos 26 anos, en Milán coñece ao terceiro Duque de Alba que, coñecedor da súa fama, encárgalle un retrato que cambia a súa vida. Alba fala ao rei Felipe II de Anguissola. E Sofonisba viaxa a Madrid para ser dama da raíña. Anguissola pinta continuamente e retratou en numerosas ocasións á familia real.

Logo de casar cun noble siciliano -case con corenta anos- continua pintando. Nunca deixará a pintura ata despois dos oitenta anos, cando case queda cega.

Na súa casa recibe importantes visitas coma a de Van Dyck que a pinta en varias ocasións como veneración cara unha gran mestra.

Cando morre deixa unha gran obra, en número e en xenialidade. Aínda que algúns dos seus cadros foron atribuídos a pintores varóns, a figura de Anguissola abre camiño para que se recoñezan as grandes mestras da pintura que sempre permaneceron silenciadas, a pesares do grande éxito en vida. Como é o caso de Sofonisba.